- O torneo celebrarase o 3 de setembro e no mesmo participarán, ademais do equipo anfitrión Ribeiro do Avia, dous equipos de primeira división coma o Ourense Envialia e o Poio Pescamar.
Ribadavia, 23 de agosto de 2019.- Ribadavia celebrará, o vindeiro 3 de setembro, a primeira edición do torneo de fútbol sala feminino “Concello de Ribadavia”; un torneo no que participarán, ademais do equipo anfitrión Ribeiro do Avia, dous equipos de primeira división nacional coma o Ourense Envialia, que quedou terceiro na primeira división nacional na pasada temporada; e o Poio Pescamar, que rematou en quinto lugar nesta mesma categoría.
O torneo foi presentado na mañá de hoxe no Concello de Ribadavia polo alcalde, César Fernández, acompañado da presidenta do Ribeiro do Avia, Sandra Veleiro, e outras compoñentes da directiva e da plantilla de xogadoras.
O torneo celebrarase o vindeiro 3 de setembro no polideportivo municipal “O Consello”. Celébrarase un primeiro encontro ás 18:30 entre o equipo anfitrión Ribeiro do Avia e o Ourense Envialia C, ámbolos dous equipos que compiten na liga provincial. Posteriormente, a partir das 20:15, terá lugar o encontro entre os equipos de primeira división Ourense Envialia e Poio Pescamar.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, agradeceu ao clube de fútbol Ribeiro do Avia a súa iniciativa de organizar un torneo coma este xa que “permite que Ribadavia sexa o vindeiro 3 de setembro punto de referencia do fútbol feminino en Galicia, ao congregar equipos do máis alto nivel do fútbol sala feminino nacional.”