Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia21
Este bono turístico consistirá dunha tarxeta prepagamento para a súa utilización nos establecementos e/ou para as prestacións turísticas ofertadas polas empresas adheridas ao programa Bono turístico
#QuedamosenGalicia21 e que se atopan publicadas na web da Axencia Turismo de Galicia no portal promocional de Turismo de Galicia, https://www.turismo.gal/QuedamosenGalicia2 (código de procedemento TU985D).
Persoas beneficiarias:
1. Poderán ser beneficiarias deste Bono turístico #QuedamosenGalicia21 as persoas físicas maiores de idade, que estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cada persoa física unicamente poderá solicitar e ser adxudicataria dun Bono turístico #QuedamosenGalicia21.
3. Non poderán solicitar nin ser beneficiarias desta nova edición do Bono turístico #QuedamosenGalicia21, as persoas que xa resultaran beneficiarias na primeira edición do Bono turístico.
Características do Bono turístico #QuedamosenGalicia21
1. O Bono turístico #QuedamosenGalicia21 concíbese como unha tarxeta prepagamento de carácter persoal e intransferible, financiada entre o solicitante e a Administración autonómica. O importe total da tarxeta será financiado polo beneficiario nun 40 %, cun importe máximo de 200 euros, e contará cunha achega complementaria da Administración autonómica do 60 %, cun importe máximo por tarxeta de 300 euros.
2. A persoa solicitante poderá elixir entre tres importes da tarxeta prepagamento:
Importe total da tarxeta | Achega Administración | Achega solicitante |
500€ | 300€ | 200€ |
375€ | 225€ | 150€ |
250€ | 150€ | 100e |
3. As persoas beneficiarias deste programa, resolto o procedemento descrito nestas bases e realizado o copagamento, recibirán una tarxeta co importe total para o seu uso, nos servizos e produtos das empresas adheridas a este.
Utilización da tarxeta prepagamento:
1. A persoa beneficiaria da tarxeta poderá utilizala en calquera dos servizos ou produtos ofertados polos establecementos adheridos ao programa ata a súa data de extinción. A relación de empresas turísticas adheridas ao programa, así como os servizos ou produtos que ofertan poderán ser consultados na páxina https://www.turismo.gal\QuedamosenGalicia2.
Listado de establecementos adheridos
2. Esta tarxeta non permite reintegros en efectivo nin recargas.
3. A tarxeta pode consumirse nun só pagamento ou en pagamentos sucesivos, así como ser complementaria doutro medio de pagamento.
4. O consumo do importe da tarxeta repercutirá, en primeiro lugar, sobre o saldo que achega o solicitante e, despois, sobre a achega da Administración autonómica.
Vixencia do programa:
1. Este programa estará vixente ata o 15 de decembro de 2021, incluído, data ata a que os beneficiarios da tarxeta prepagamento poderán realizar pagamentos nos establecementos adheridos a este.
2. As tarxetas están sometidas a caducidade e, con carácter xeral, non poderán ser usadas máis alá do 15 de decembro de 2021.
3. Se a persoa beneficiaria da tarxeta non esgota o seu saldo antes do 16 de decembro de 2021, perde todo o dereito sobre el.
Solicitudes:
1. As persoas interesadas que desexen optar ao Bono turístico #QuedamosenGalicia21 deberán presentar a súa solicitude, conforme o modelo do anexo II, obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
2. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria estará aberto a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución ata o día 1 de novembro de 2021 (incluído).
Prazo de duración do procedemento de concesión:
As solicitudes serán tramitadas ao longo do prazo determinado nas bases reguladoras e segundo o procedemento nelas establecido. A duración do procedemento coincidirá coa vixencia do programa, é dicir, ata o 15 de decembro de 2021.
Información ás persoas interesadas:
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: portal promocional de Turismo de Galicia, https://www.turismo.gal/QuedamosenGalicia2.
b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU985D.
c) O teléfono de atención ao cidadán 012.
d) Enderezo electrónico xu**************@xu***.gal ou innovación.*******@xu***.gal.
Pode consultar as bases íntegras da convocatoria na seguinte ligazón premendo aquí.