A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica no DOG nº 60 do día 26 de marzo de 2018, as subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares.
Actuacións subvencionables
1. Será subvencionable a instalación de ascensores, de elevadores, de salvaescaleiras e demais dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, que carezan deles.
2. Serán subvencionables as actuacións preparatorias que se realizasen antes da data da presentación da solicitude, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios e os gastos derivados da tramitación administrativa. Así mesmo, serán subvencionables os custos en equipamentos, en materiais, en obra civil e en man de obra necesarios para a instalación dos dispositivos de accesibilidade. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
Persoas beneficiarias
Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias, as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas, as persoas físicas propietarias dun dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e as persoas físicas propietarias dunha vivenda unifamiliar.
Prazo de presentación de solicitudes
Comezará o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de maio de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario.
Pode consultar as bases íntegras da subvención premendo aquí.