Subvencións do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan estas subvencións para o ano 2022 (códigos de procedemento IN421N e IN421P).
Persoas beneficiarias:
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non podendo estas disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Tipos de axudas:
O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos de biomasa. Os proxectos que se subvencionarán son os do grupo: A1 Estufas de aire, cociñas calefactoras, A2 Cambio de queimadores existentes que non sexan de biomasa, B1 Equipamentos térmicos que utilicen leña, hidroestufas ou insert/cheminea de auga, B2 Caldeiras de pélets con volume de acumulación de combustible inferior a 1.000 l, e B3 Caldeiras de pélets con volume de acumulación de combustible maior o igual a 1.000 l.
2. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.
3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.
Será necesario que as entidades colaboradoras sexan persoas físicas ou xurídicas, que presentasen unha declaración responsable como empresas de instalacións térmicas en edificios e que figuren inscritas no Rexistro Integrado Industrial do ministerio competente en materia de enerxía.
Contía da axuda:
A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación. A contía máxima por proxecto será de 60.000 euros.
Cada entidade colaboradora poderá solicitar un máximo de 300.000 euros en proxectos con reserva de fondos.
Forma e prazo de presentación das solicitudes:
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o 1 de xuño de 2022.
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de marzo de 2022 ás 9.00 horas e rematará o 1 de xullo de 2022 ou cando se esgoten os fondos.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a páxina web do Inega:
- Adhesión para a xestión de subvencións de biomasa destinadas a particulares: https://sede.xunta.gal
- Axudas para proxectos de biomasa destinadas a particulares: https://sede.xunta.gal
- Desde a páxina web do Inega: http://www.inega.gal
Pode consultar as bases íntegras da convocatoria na seguinte ligazón premendo aquí.