Subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación (código de procedemento TR807I), e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (código de procedemento TR340E), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.
Programa I. Fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación (procedemento administrativo TR807I)
Persoas beneficiarias:
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:
a) Que sexan empresas de nova creación.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.
f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.
g) Que, como mínimo, o 50 % do seu capital social sexa de titularidade das persoas promotoras e que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.
2. Poderán ser beneficiarias as persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
Tipos de axudas:
A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego, mediante os seguintes tipos de axuda:
a) Subvención á xeración de emprego estable.
b) Subvención para a formación.
c) Subvención para o inicio da actividade.
d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
Contía da axuda:
a) Subvención á xeración de emprego estable: de 2.000 € ata 9.000 € por posto de emprego (ata un máximo de dez).
b) Subvención para a formación: ata o 75 % do custo dos servizos recibidos, excluído o IVE, cun límite máximo de 3.000 €.
c) Subvención para o inicio da actividade: de 2.000 € ata 9.000 € por posto de emprego (ata un máximo de dez).
d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras: ata 75 % do custo dos servizos (gardaría, coidados persoas maiores, etc.), cun límite máximo de 3.000 €.
Programa II. Axudas e subvencións ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica-IEBT (procedemento administrativo TR340E)
Persoas beneficiarias:
As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.
Tipos de axudas:
A finalidade deste programa é impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
c) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
Contía da axuda:
a) Subvención á creación de emprego estable: de 6.000 € ata 20.000 € por posto de emprego.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación: ata un límite máximo de 18.000 €.
c) Axuda para o inicio da actividade: de 10.000 € ata 24.000 € por posto de emprego (ata un máximo de 3 ou máis postos).
d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras: ata 75 % do custo dos servizos (gardaría, coidados persoas maiores, etc.), cun límite máximo de 3.000 €.
Forma e prazo de presentación das solicitudes:
1. O prazo de presentación de solicitudes de axuda do Programa I. Fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación rematará o 31 de xullo de 2022.
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda do Programa II. Axudas e subvencións ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica-IEBT rematará o 30 de setembro de 2022.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Pode consultar as bases íntegras da convocatoria na seguinte ligazón premendo aquí.