
O programa Domingos Vivos, enmarcado no proxecto ‘Vilas Vivas’ impulsado pola Xunta de Galicia, arranca este domingo 5 de xullo en Ribadavia cun variado menú cultural que inclúe música en vivo na sesión vermú, obradoiros, catas e rutas guiadas, ademais de compras, tanto de moda como de artesanía, ou gastronomía.
A poboación poderá gozar dunha programación de calidade ademais de descubrir as novas tendas Vilas Vivas que abrirán as súas portas nas próximas semanas.
Este domingo, día 5 de xullo, a proposta arranca cunha mestura de música na rúa e gastronomía. Os músicos solistas Miguel Cerqueira e Nuno Louro actuarán na Praza de San Xoán de 11,30 a 14,00 horas, ao mesmo tempo que O Curruncho do Birrán, o Colmado de Sabores e O Escaparate ofrecerán cervexas artesanais, viños do Ribeiro e petiscos galegos para o público.
A programación especial, que se repetirá con diferentes protagonistas cada primeiro domingo do mes, dará comezo ás 11,30 horas. Este próximo domingo asistirán José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo, que son os impulsores deste proxecto desde a Xunta de Galicia, xunto ao alcalde de Ribadavia, César Fernández, desde o Concello.
Por outra banda, neste primeiro Domingo Vivo abrirán dúas novas tendas Vilas Vivas na rúa Yáñez: a viñoteca O Escaparate, da Adega Cume do Avia, e o espazo inclusivo Pequeno Ribeiro. Nas próximas semanas tamén se sumarán á iniciativa dous novos espazos: a tenda A Cooperativa do Ribeiro, na rúa Salgado Moscoso, e Sarto, moda téxtil, na Praza Maior.
A programación continuará o domingo 2 de agosto coa actuación de Marietta e Iago Vázquez de 11,30 a 13,00 horas. O domingo 6 de setembro serán Bardo Abelardo e DJ Tibu quen poñan a banda sonora do Domingo Vivo, tamén en horario de 11,30 a 13,00 horas.
Rutas guiadas gratuítas pola vila
Desde este venres, día 4, e durante todo o mes de xullo, a poboación poderá descubrir dúas novas rutas guiadas en Ribadavia. Unha delas céntrase na pegada da época medieval e da poboación xudía no casco histórico da vila, e a outra visita os grandes mosteiros e igrexas da comarca. Por primeira vez, o público poderá acceder ao interior das igrexas fora do seu horario de actividade litúrxica. As 240 primeiras prazas serán gratuítas e poderán reservarse por teléfono (675 558 545) ou a través da páxina da empresa Genuine Galicia.
Campaña Rasca e Gaña
O programa Domingos Vivos tamén conta con sorteos e sorpresas moi especiais. A partir do 20 de xullo, os clientes dos establecementos adheridos poderán solicitar o seu rasca para entrar no sorteo de 1.000 premios que van desde descontos nas tendas, botellas de viño do Ribeiro a estancias en hoteis e balnearios. Os boletos non premiados poderán participar nun sorteo mensual que se celebrará todos os Domingos Vivos na praza de San Xoán ás 11,30 horas.

Concello de Ribadavia Concello de Ribadavia