MANIFESTO 8 DE MARZO. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

MANIFESTO 8 DE MARZO. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.  Manifesto

Cara a este oito de marzo a ONU emprega a pandemia como claro exemplo do valor das mulleres no futuro da humanidade, pero tamén como evidencia da persistente discriminación e vulnerabilidade que sofren por mor do seu xénero. Dunha parte, a maior rapidez e éxito na resposta á pandemia de Alemaña, Dinamarca, Etiopía, Finlandia, Islandia, Nova Zelanda ou Eslovaquia, países todos eles dirixidos por xefas de goberno, acadaron o recoñecemento da comunidade internacional e puxeron baixo os focos a eficacia do liderado feminino.

 

Na batalla sobre o chan as mulleres levaron máis peso, en tanto que son maioría no persoal sociosanitario e que, froito da desigualdade, tamén na vida privada asumen unha carga moito maior no coidado dos menores e persoas dependentes. Por outra banda, cómpre sinalar que as medidas para conter o coronavirus xeraron circunstancias que agravaron a maior das crueldades do machismo, a violencia sobre as mulleres.

 

Dende a súa orixe, a humanidade ten unha gran conta pendente co xénero feminino en materia de xustiza social. O traballo remunerado, o voto, o acceso aos estudos, a patria potestade, a independencia económica, a eliminación do delito de adulterio… Cada dereito adquirido polas mulleres tivo que vencer a oposición dun patriarcado contrario a renunciar á súa situación dominante.

 

Feitos coma que hoxe en día as mulleres europeas teñen que traballar unha media de 53 días máis que os homes para acadar a mesma remuneración polo mesmo traballo, ou que a fenda de abandonos e reducións de xornadas laborais para facer de coidadoras aumentara un 27% en prexuízo das mulleres (sacrificio moitas veces solventable cunha maior corresponsabilidade dos homes ou medidas de conciliación coma o teletraballo), amosan o longo percorrido que resta para acadar a igualdade de facto mesmo na rexión do mundo con maiores logros na materia.

 

As melloras políticas e normativas son fundamentais para avanzar, pero para a igualdade real é imprescindible a vontade social de cambiar as cousas. E a xeración desa vontade precisa de máis acción que o clamor de un día. A mensaxe do 8M debe estar presente nas conciencias e accións de todas as persoas, entidades e institucións día tras día. Sempre. Nese punto, en tanto que administración pública e máis próxima á cidadanía, os concellos temos unha grande responsabilidade e potencial á hora de modelar unha sociedade evolucionada e progresista.

 

Dende o Concello de Ribadavia manifestamos o noso compromiso coa defensa e fomento da igualdade entre homes e mulleres, o 8M e os restantes trescentos sesenta e catro días do ano. As mulleres contan coa nosa determinación para priorizar e promover en todos os eidos aos que poidamos chegar, as políticas e medidas que contribúan ao verdadeiro respecto dos seus dereitos e establecemento a xustiza social, especialmente aquelas accións que traballen na concienciación dos nosos veciños e na axuda a cada unha das rapazas e mulleres para que, en igualdade de oportunidades e condicións que os homes, poidan ocupar na sociedade o lugar que lles corresponde por dereito propio e que non é outro que o que elas desexen.

Compartir

Check Also

CONCILIA NO NADAL

23,24,25,26,27, 30 E 31 DE DECEMBRO, 2,34 7 DE XANEIRO. PARA NENOS NENAS DE 3 …