RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación (código do procedemento TR306A).
Para adecuar a normativa autonómica á lexislación estatal publícase a Orde da Consellería de Traballo e Benestar, do 7 de xaneiro de 2014, pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta orde é un instrumento fundamental das políticas activas de emprego que favorece a calidade e a integración da formación profesional para o emprego, facendo posible que as persoas que carecen das titulacións académicas requiridas poidan acceder á formación dos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 que lles permitirá progresar no mercado laboral.
Competencias clave que se convocan
- Convócanse probas nos dous niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave: • Comunicación en lingua galega. • Comunicación en lingua castelá. • Comunicación en lingua estranxeira (inglés). • Competencia matemática.
- As competencias clave requiridas para todos os certificados de profesionalidade das 26 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade para os niveis de cualificación 2 e 3 son competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.
Presentación de solicitudes e prazo
- A participación nestas probas deberá formalizarse presentando unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución, dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións.
- O prazo para presentala é a partir do día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 23 de marzo de 2018.
- As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https.//sede.xunta.gal./chave365).
Máis información en Agrupación de concellos de Ribadavia, Carballeda de Avia e Castrelo de Miño
Telf. 988477100
Orientadoras laborais. Oficinas no Concello de Ribadavia
Mercedes. M. García
Inés Vázquez