AXUDAS PARA O FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica no DOG nº 19 do día 26/01/2018 as axudas para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación, e do Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, na convocatoria para o ano 2018.

Programa I: pequenas empresas de nova creación.

Xerar emprego estable para as persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres; as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, e as unidades familiares con todos os seus membros en situación de desemprego, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego, mediante os seguintes tipos de axuda:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención para a formación.

c) Subvención para o inicio da actividade.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Entidades beneficiarias

1. As empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

2. As empresas privadas que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego (ILE).

3. As persoas promotoras para a axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas dos programas regulados nesta orde finalizará o 31 de xullo de 2018.

2. Para a axuda de xeración de emprego, o prazo para as actuacións realizadas ata a publicación desta orde será de dous meses desde a súa publicación.

Programa II: incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

c) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade.

Entidades beneficiarias

As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa II: finalizará o 30 de setembro de 2018.

PODE CONSULTAR AS BASES ÍNTEGRAS DA CONVOCATORIA DE AMBOS PROGRAMAS PREMENDO AQUÍ.

Compartir

Check Also

Actividades do 8M en Ribadavia

    Actividades polo Día Internacional da Muller en Ribadavia. Compartir