Axudas para asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

 

Subvencións para asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (anualidade 2022) (código de procedemento PR487A).

 

Entidades beneficiarias:

Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinadas ás entidades sinaladas, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

As entidades deberán estar, en todo caso, debidamente inscritas no correspondente Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial), dependentes da  Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.

Proxectos subvencionables:

Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os cales teña un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

Considéranse subvencionables os seguintes proxectos:

a) Obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade desenvolve a súa actividade.

b) Adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade (mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático e audiovisual) e adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.

c) Obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Contía da axuda:

A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

Forma e prazo de presentación das solicitudes:

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de febreiro de 2022.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Pode consultar as bases íntegras da convocatoria na seguinte ligazón premendo aquí.

Compartir

Check Also

PROGRAMA DA SEMANA SANTA EN RIBADAVIA 2024

Comezan o próximo día 25 de marzo co obradoiro de reciclaxe “Crecicla”, destinado a nenos de 6 …