Axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para a adquisición de vivenda nos centros históricos para o ano 2022 (código de procedemento VI400A).
Persoas beneficiarias:
Poderanse beneficiar destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).
c) Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:
– Que estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13.ter, do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo de 2018).
– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse as vivendas novas, as usadas e as que vaian ser obxecto de rehabilitación.
– Que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.
No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.
d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da citada solicitude, salvo que a vivenda vaia ser obxecto de rehabilitación. Neste caso, deberanse empadroar nela no momento da finalización das citadas obras.
e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda en centros históricos ao abeiro da Resolución do 25 de febreiro de 2021 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.
3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.
Tipos de axudas:
Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2022 as subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos.
Contía da axuda:
A contía da axuda para a adquisición de vivenda será de ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e de 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
En todo caso, no suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.
As axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, o cal non incluirá os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.
Forma e prazo de presentación das solicitudes:
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o 30 de setembro de 2022.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
Pode consultar as bases íntegras da convocatoria na seguinte ligazón premendo aquí.
Para máis información, poden contactar co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS):
Xunta de Galicia
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Servizo de Coordinación e Información en Materia de Vivenda
Área Central, s/n. Pol. Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541981