Axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos

Axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos para o ano 2021 (código de procedemento MT402A).

Os principais obxectivos desta axuda son: aumentar a sensibilidade cidadá en relación coas alteracións ou impactos en relación coa paisaxe, é dicir, nas cales diversas actuacións xeraron transformacións que deterioraron o carácter ou a calidade da paisaxe; así como sensibilizar e fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Persoas beneficiarias:

a) As persoas físicas titulares dun ben inmoble, recurso ou elemento, así como aqueles que posúan calquera título válido en dereito que autorice a realización da actuación solicitada.
b) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa solicitante.
No caso de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, os requisitos  sinalados nos números anteriores deberán ser cumpridos por todos os seus membros.

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

  • Tratamento de paredes medianeiras vistas, mediante cobertura con materiais de revestimento, pintado ou tratamento vexetal, adaptadas aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.
  • Revestimento e pintado de fachadas actualmente rematadas en ladrillo cerámico ou bloque de formigón sen revestir, adaptados aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.
  • Renovación do acabamento exterior das fachadas de edificacións (paramentos e carpintarías) que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento, para substituílo por solucións adaptadas á Guía de cor e materiais de Galicia.
  • Remate exterior de cubertas realizadas con pranchas de fibrocemento, mediante a instalación ben de tella cerámica, ben de lousa, en función do material tradicional da comarca, de acordo coas recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia.
  • Acondicionamento e mellora de peches de predios de gran dimensión (altura superior a 1,50 metros), mediante a substitución de muros opacos por solucións diáfanas ou sebes vexetais adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.
  • Revestimento de muros de cerramento de predios realizados con bloques de formigón, con fábrica de pedra semellante á cachotaría tradicional, adaptada aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.
  • Substitución de celosías e outros tipos semellantes de pezas prefabricadas de cerámica ou de formigón, en cerramentos de predios, por solucións diáfanas ou sebes vexetais adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

Requisitos para a obtención da subvención:

  1. Só caberá presentar unha solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Para os efectos desta convocatoria, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións susceptibles de definición individualizada para as cales se solicita subvención.
  2. A persoa ou entidade solicitante deberá ter e acreditar a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou inmobles en que se pretende realizar as actuacións, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no punto 20. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a presentación dunha copia da escritura de propiedade ou de calquera outro dereito real sobre o ben ou recurso.
  3. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.

Gastos subvencionables e contía da subvención:

Considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución.

Serán gastos subvencionables os seguintes:
a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.
b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.
c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Non son gastos subvencionables:
a) Os gastos correntes de funcionamento da persoa/entidade beneficiaria.
b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.
c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso ou o elemento sobre o cal se propón a actuación en perfecto uso ou estado.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes:

Comezará a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e abranguerá ata o 31 de maio de 2021.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal que irá acompañado dos documentos que se especifican no punto 9º.

A presentación electrónica será obrigatoria para as comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.

Pode consultar as bases íntegras da convocatoria na seguinte ligazón premendo aquí.

Compartir

Check Also

PREGO DE CLÁUSULAS ADMINISTRATIVAS REGULADORAS DO CONCURSO PÚBLICO PARA A CONCESIÓN DEMANIAL DOS SEGUINTES POSTOS DA PRAZA DE ABASTOS

Consulta aquí: Anuncio Praza Abastos No Boletín Oficial da Provincia de Ourense de data 16 …