Axudas para a obtención do permiso de conducción das clases B e C para mocidade galega inscrita no SNGX

No DOG nº 46, do 9 de marzo, publicouse a Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

O prazo para solicitar estas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito orzamentario, estará aberto desde o 10/03/2020 ata o 31/07/2020.

Gasto subvencionable e contía da axuda:

O gasto subvencionable é a suma global (importe a tanto global) de obtención dos permisos de condución obxecto da presente orde, baseado no prezo medio de mercado na Comunidade Autónoma de Galicia para cada tipo de carné.
O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B e de 650 € para o permiso de clase C.
O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de ambos os permisos obxecto da orde.

Requisitos:

Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:
a. Ter cumpridos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso de clase C.
b. Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
c. Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
d. Estar matriculadas nunha autoescola da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentar a solicitude ou ben ter o/os permiso/s para o/os cales se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2020 e a data de presentación da solicitude.

Máis información:https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS321A
SERVIZO DE ORIENTACIÓN LABORAL
Agrupación de concellos de Ribadavia, Carballeda de Avia e Castrelo de Miño

 

Compartir

Check Also

CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A SELECCIÓN DE BAIXOS COMERCIAIS NO PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN COMERCIAL DO CASCO HISTÓRICO DE RIBADAVIA.

O Concello de Ribadavia, promove a dinamización do seu casco histórico mediante a activación de …