Axuda Programa Bono enerxía peme

Subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z).

 

Entidades e persoas beneficiarias:

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.

– Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.

– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93
incluídas.

Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Proxectos subvencionables:

1. Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores).

b) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida inclúe exclusivamente as instalacións fixas con potencia superior a 5 kW destinadas á climatización, ventilación e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Inclúense equipamentos de xeración que teñan unha cualificación enerxética B ou superior (cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar); tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, e a mellora dos illamentos, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).

f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.

2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.

3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

Condicións dos proxectos:

1. Serán subvencionables os gastos e os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2021 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

3. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá incluír unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro das recollidas no artigo 2 destas bases reguladoras.

Contía da axuda:

1. A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.

Forma e prazo de presentación das solicitudes:

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2021.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

As solicitudes desta axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e
resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do cal se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Pode consultar as bases íntegras da convocatoria na seguinte ligazón premendo aquí.

Compartir

Check Also

BASES LISTA TEMPORAL SERVIZO AXUDA NO FOGAR

Publícase a normativa pola que se regula a convocatoria e elaboración das listas para a …