Actividades da Banda “A Lira”

A LIRA DE RIBADAVIA

A banda de música máis antiga de Galicia conta con actividades repartidas ó longo do ano para dar cabida a todos os tipos de formación musical na procura de fomentar a cultura musical de toda a comunidade.

WEB OFICIAL

Aquí detallamos as actividades que realiza en Ribadavia a Banda de música máis antiga de Galicia:

XVIII Xuntanza de Bandas

Datas: a fin de semana na que se celebren as Festas do Portal de Ribadavia.

Lugar de celebración: Auditorio do Castelo de Ribadavia (Ourense).

Principais actividades: A Xuntanza de Bandas celébrase con periodicidade anual e de forma ininterrompida desde o ano 2000 durante as Festas do Portal de Ribadavia, comezou levándose a cabo durante un só día e actualmente desenvólvese ao longo dos días que teñan lugar as festas patronais.
Nace coa filosofía de achegar a música ao espectador a través dunha programación rica, variada e coherente. Ademais do legado musical
tradicional que nutre a música de banda, a Xuntanza dá espazo para a interpretación de pezas de novos compositores, fundamentalmente
galegos e españois, e abre vías para a fusión con outras músicas, como o pop, a canción popular, a zarzuela, colaboración con agrupacións corais ou bandas sonoras. Este evento fai que se acheguen a Ribadavia bandas de música do máis alto nivel.

Festival de Primavera

Datas: o último domingo de maio.

Lugar de celebración: Palco da Música da Alameda de Ribadavia (Ourense).

Principais actividades: O Festival de Primavera é un concerto anual que se leva a cabo en Ribadavia como xeito de darlle a benvida á época estival, o momento do ano onde A Lira ten máis actividade. Este concerto tiña lugar no Auditorio do Castelo, pero dende a banda tentouse dar importancia a un espazo en Ribadavia que está adicado únicamente á banda, o Palco da Música da Alameda, ese espazo que cada vila con presenza bandística garda con moito cariño. Este concerto serve de presentación das novidades no repertorio de A Lira de cara ás festas do verán e nos últimos anos conta coa presenza de bandas invitadas.

Compartir