A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Economía e Industria ven de publicar as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I de axudas á promoción de emprego autónomo e o Programa II de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas para o ano 2019.
PROGRAMA I: promoción de emprego autónomo.
Entidades beneficiarias
1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de setembro de 2019, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:
a) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
b) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 5.2 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
c) Que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
d) Que non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.
e) Que non desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.
Obxecto
A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2019.
Para poder presentar as solicitudes ten que premer no seguinte enlace: https://sede.xunta.gal/
Pode consultar as bases íntegras da axuda premendo aquí.
PROGRAMA II: axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade e pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
Obxecto
Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar, para o ano 2019, os incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de solicitudes finalizará o 3o de setembro de 2019.
Para poder presentar as solicitudes ten que premer no seguinte enlace: https://sede.xunta.gal/
Pode consultar as bases íntegras da axuda premendo aquí.