REGULAMENTO DA AULA MUNICIPAL DE TEATRO DO CONCELLO DE RIBADAVIA.-

REGULAMENTO DA AULA MUNICIPAL DE TEATRO DO CONCELLO DE RIBADAVIA.-

 

 

Artigo 1.- ÁMBITO DE APLICACIÓN.

 

A Aula Municipal de Teatro de Ribadavia crease a iniciativa do Concello de Ribadavia como parte dos servizos culturais da localidade, coa finalidade xeral de impulsar e potenciar a formación teatral e artística, así como a capacidade creativa dos nosos veciños, sen máis limitacións que as que impoña o número de prazas dispoñibles en cada curso. Con este regulamento preténdese establecer unha normativa mínima que rexa o seu funcionamento xeral e que permita obter os resultados desexados.

 

Artigo 2.- SEDE .

 

A sede da Aula Municipal de Teatro será na Casa de Cultura, sita na avda. de Redondela desta Vila. Establecese a posibilidade que dita sede poda ter o carácter de itinerante, ben noutras instalacions ou ben pasando por cada unha das parroquias do Concello.

 

Artigo 3.- DEPENDENCIA ORGÁNICA.-

 

O órgano da administración competente para a xestión da actividade e para administración dos medios económicos, será a alcaldía ou concelleiro delegado de cultura, se existira, isto sen prexuízo das competencias que por lei lle correspondan ao Pleno e a Xunta de Goberno Local.

 

Artigo 4.- ORGANIZACIÓN DAS ENSINANZAS.-

 

As clases terán unha duración de nove meses de outubro a xuño, ambos incluídos. Para traballar os contidos anteriores e acadar os obxectivos xerais da Aula distribuírase o alumnado en tres ciclos:

-Ciclo infantil para nenos/as entre os 3 e 6 anos.

-Ciclo primaria para nenos/as entre 7 e 12 anos,

-Ciclo xuvenil de 13 a 16 anos

-Ciclo de adultos, para rapaces e adultos a partir dos 17 anos

 

Para o ciclo infantil o horario será de unha hora semanal, para os ciclos de primaria e xuvenil a carga lectiva será de 1:15 semanal, e para o grupo de adultos, a carga lectiva será de 1:30 semanal, e fixarase ao inicio de cada curso. A organización das clases e das ensinanzas, a asignación de funcións aos alumnos e demais pormenores serán labores propias asignadas ao responsable da aula quen deberá render unha memoria anual do funcionamento, así como a previsión de gastos para as clases e montaxes escénicas.

 

O número de alumnos por ciclo no poderá ser maior de 15, garantindo así a calidade das ensinanzas.

Ao finalizar o curso cada ciclo finalizará con unha mostra dos alumnos e alumnas no mes de xuño, sen prexuízo de que poda representarse de novo dentro de algún programa cultural que organice o concello ou outras entidades.

 

ARTICULO 5.- INSCRIPCION E ADMISIÓN.-

 

Poderán solicitar a súa inscrición na Aula municipal de Teatro aquelas persoas, de calquera idade, empadroadas no Concello de Ribadavia, no caso de quedaren prazas libres, poderán acceder os de fóra do municipio.

 

A inscrición na Aula municipal de Teatro realizarase no mes de setembro.

 

O Concello encargarase de facer publico coa debida antelación os prazos de solicitudes e matrículas, sendo expostos así mesmo nos taboleiros de anuncios do Concello e da Aula.

 

As persoas interesadas deberán presentar nos prazos establecidos a solicitude de inscrición, segundo modelo anexo, xunto coa copia do DNI e xustificante de empadroamento.

Non se admitirán solicitudes realizadas fóra dos prazos preestablecidos.

A obtención de praza comunicarase unha vez rematado o prazo de inscrición, debendo as persoas admitidas formalizar a correspondente matrícula .

As persoas admitidas que non formalicen a matrícula no prazo establecido, considerarase que causan baixa con perda de todos os dereitos. Terán preferencia as persoas inscritas en anos anteriores, o resto das admisións realizaranse por orde de presentación das solicitudes.

As persoas interesadas que non obtivesen praza quedarán incluídas nunha lista de espera coa que se cubrirán as posibles baixas.

Rematado o proceso de matrícula, no caso de que quedaran prazas vacantes poderanse cubrir aquelas de acordo coas listaxes de espera, en caso de habelas, e se non atendendo ás peticións de posibles alumnos que non realizaran o proceso previo de inscrición.

 

Do total de prazas reservaranse un mínimo de dúas para casos de urxencia social, entendéndose como tal aqueles supostos de situacións de risco, desamparo ou exclusión social debidamente acreditadas. As devanditas prazas ocuparanse previa proposta e informe favorable dos servizos sociais.

 

Artigo 6. DEBERES DOS ALUMNOS DA AULA.-

Son deberes dos alumnos da aula municipal de teatro:

 

  1. Asistir ás clases e participar nas actividades da Aula. Por iso, deberán avisar con antelación da ausencias que se podan prever, especialmente si se trata de ensaios ou actividades de igual consideración. Tres faltas sen xustificación nun mes poderán supoñer a expulsión.
  2. Colaborar naquelas cuestións relacionadas coa preparación da representación aínda que non correspondan co papel que teñan asignado ou non pertenzan ao curso que as realiza.
  3. Respectar as normas de convivencia dentro do centro docente, deber que se concreta en obrigas como – Respectar a liberdade, dignidade, integridade e intimidade de todos os membros da aula – Non discriminar a ningún membro por razón de nacemento, raza, sexo ou calquera outra circunstancia persoal ou social. – Participar na vida e funcionamento da Aula. – Coidar e utilizar correctamente os bens, mobles, materiais e as instalacións da Aula e respectar as pertenzas dos outros membros da Aula. – Observar as indispensables normas de aseo e hixiene. – Manter o orden durante as clases e ensaios e dentro das instalacións da Aula .
  4. Axudar ao sostemento da Aula mediante o pago da matricula e cota por alumno e mes que o Concello establecerá e regulará na correspondente ordenanza fiscal. Os ditos pagamentos inclúen o costo do material e persoal docente.

 

 

DISPOSICION FINAL O presente Regulamento entrará en vigor, unha vez que a súa aprobación sexa definitiva, e transcorrido o prazo de quince días contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial de Provincia de Ourense.

 

 

 

 

ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO PREZO PUBLICO POR ENSINANZAS NA AULA MUNICIPAL DE TEATRO

 

Artigo 1º. Establecemento do prezo público e normativa aplicable. No uso das atribucións conferidas polos artigos 41 e seguintes e o polo artigo 127 do Texto refundido de la lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, este Concello establece o prezo público pola prestación dos cursos anuais da Aula Municipal de Teatro, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal.

 

Artigo 2º. Natureza e feito impoñible. Constitúe o feito impoñible deste prezo público a inscrición de persoas físicas nos cursos a impartir na Aula Municipal de Teatro, órgano dependente da área de cultura deste Concello. Non se esixirá por este Concello prezo público algún polos cursos que, aínda que impartidos na sede da Aula Municipal de Teatro, sexan impartidos por outras Administracións ou Institucións ou teñan o carácter de gratuítos conforme á lexislación vixente.

 

Artigo 3º. Obrigados ao pagamento. Son suxeitos pasivos deste prezo público e están obrigados ao pago as persoas físicas que se matriculen no curso teatral da Aula Municipal de Teatro.

 

Artigo 4º. Obriga de pagamento

  1. A obriga de pagamento dos prezos públicos regulados nesta Ordenanza nace coa formalización das correspondentes matrículas para o curso ou actividade da que se trate. 2. A matrícula e os restantes dereitos de inscrición aboaranse dunha soa vez ao realizar a inscrición. As mensualidades deberán satisfacerse nos 10 primeiros días de cada mes.

 

Artigo 5º Tarifas As tarifas deste prezo público serán as seguintes:

Matrícula:

-Adultos: Empadroados, 20 €. Non empadroados 30 €.

-Nenos/as (ciclos infantil, primaria e secundaria): Empadroados 10 €. Non empadroados 20 €.

 

Mensualidades –

Adultos: Empadroados 30 €. Non empadroados, 40€.

Nenos/as (ciclos infantil, primaria e secundaria): Empadroados15 € . Non empadroados 25€.

Estos importes poderán ser revisado anualmente mediante acordo da Xunta de Goberno Local na contía do incremento ou, no seu caso, diminución, do I.P.C. previsto para o ano seguinte.

 

Artigo 6º. Exencións e bonificacións. –

 

Se aplicará unha bonificación do 50% da matricula e da tarifa ás familias numerosas , en virtude do disposto no artigo 12.2 da Lei 40/2003, de 18 de novembro, de protección ás familias numerosas previa xustificación, de tal circunstancia mediante a achega da fotocopia do carné de familia numerosa en vigor a 1 de xaneiro do exercicio en que deba surtir efectos a bonificación. – Cando dous ou máis membros dunha mesma unidade familiar estean matriculados na Aula de Teatro o segundo e seguintes terán unha redución na matrícula e na tarifa dun 10% . –

Poderá acordarse unha bonificación do 100% da tarifa do prezo público no caso das prazas reservadas para casos de urxencia social, previa proposta e informe favorable dos servizos socias e acordo da Xunta de Goberno Local.

 

Estarán exentos do pago do prezo público:

  • – As Familias numerosas de categoría especial, en virtude do disposto no artigo 12.2 da Lei 40/2003, de 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, previa xustificación, mediante a achega da fotocopia do carné de familia numerosa en vigor a 1 de xaneiro do exercicio en que deba surtir efectos a bonificación.
  • – – Os alumnos con minusvalía igual o superior ao 33%, en virtude do disposto no artigo 30 da Lei 13/1982, de 7 de abril, de integración social de minusválidos, previa xustificación, mediante achega de fotocopia da resolución de recoñecemento de minusvalía ditada polo órgano competente.

 

Artigo 7º Normas de xestión.

 

O prezo da matrícula esixirase coa formalización daquela, a falta de pago da matricula impedira o acceso do interesado ao correspondente curso. Os alumnos/as que se atopen nalgún dos supostos de tarifa reducida deberán achegar coa solicitude de inscrición a seguinte documentación: – fotocopia compulsada do libro de familia – fotocopia compulsada da resolución de recoñecemento de minusvalía. O pago das cotas mensuais realizaranse mediante a emisión dos correspondentes recibos que deberán ser abonados dentro dos dez primeiros días do mes. No caso dos recibos domiciliados cargaranse na conta corrente do obrigado ao pago. A falta de pago de máis de tres cotas suporá a anulación da inscrición coa perda das cantidades xa aboadas e todos os demais dereitos que lles puidesen corresponder.

 

Artigo 8. Infracción tributarias.

 

En todo o relativo ás infraccións tributarias, a súa cualificación, así como ás sancións que ás mesmas lles correspondan, aplicarase o réxime regulado na Lei xeneral tributaria e nas disposicións que a completan e desenvolven.

 

Disposición final única.

 

Entrada en vigor e modificación de la Ordenanza Fiscal. A presente Ordenanza Fiscal, e no seu caso as súas modificacións entrarán en vigor no momento da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourene permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación.

 

Ribadavia, 12 de setembro de 2019.-

 

O alcalde,

 

 

Asdo.: Cesar Manuel Fernández Gil

Compartir

Check Also

SAN XOAN 2021

A vindeira semana comezará o verán e e con el chega o San Xoan. O …