BASES PREMIO ABRENTE PARA TEXTOS TEATRAIS.

Francisco Fernández Castro, secretario do concello de Ribadavia, CERTIFICO:

 

Que o Pleno do concello de Ribadavia na súa sesión de 24 de febreiro de 2022 adoptou o seguinte acordo:

 

PRIMEIRO.- Aprobar a   convocatoria da 17ª edición do Premio Abrente para textos teatrais 2022 e as correlativas bases coa seguinte redacción:

 

Coa intención de incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega e por ser o teatro a actividade que maior incidencia e proxección histórica lle outorgou á ribadaviense Agrupación Cultural Abrente (1969-1983), o Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT) convoca, en lembranza daqueles “Concursos de Textos Teatrais”, a 17ª edición do Premio Abrente para Textos Teatrais 2022, de acordo coas seguintes bases:

 

1ª REQUISITOS Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada ata a data de resolución desta convocatoria, sempre que estea escrita en lingua galega.

 

 

2ª PREMIOS

Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.500 euros e a edición da obra gañadora. O Concello de Ribadavia reservará por un prazo de doce meses os dereitos de edición e representación da obra e entregará ao gañador/a un total de vinte exemplares. Igualmente, o Concello de Ribadavia poderá promover, a través da Mostra Internacional de Teatro, a produción para a escenificación da obra premiada, sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor/a. En calquera montaxe que se faga da obra gañadora farase constar, necesariamente, tanto no programa, cartel, publicidade, etc., a mención expresa “PREMIO ABRENTE DE TEATRO. MIT RIBADAVIA 2022”.

 

 

3ª PRESENTACIÓN DOS ORIXINAIS

As obras serán de tema e extensión libre e presentaranse por triplicado, mecanografadas a dobre espazo, en tamaño DIN A4, fonte de letra Times New Roman, por unha soa cara e coas follas numeradas, grampadas ou encadernadas. Os orixinais presentaranse baixo o título e un lema ou pseudónimo, acompañados dunha plica onde deberá figurar, no exterior, o título e o lema ou pseudónimo e conter, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono e correo electrónico.

 

4ª PRAZO E LUGAR DE ADMISIÓN

O prazo de admisión de orixinais remata o día 17 de xuño de 2022 e deberán enviarse ao seguinte enderezo: Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Praza Maior s/n, C.P. 32400, Ribadavia, Ourense Deberase indicar no exterior do sobre “16º Premio Abrente para Textos Teatrais, 2022”.

 

5ª XURADO

O xurado estará presidido pola Alcaldesa de Ribadavia ou persoa en quen delegue e formarán parte del: a Concelleira de Cultura ou persoa en quen delegue, o Director da Mostra Internacional de Teatro e tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. O nomeamento do xurado farao a Alcaldesa ou persoa en quen delegue e actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa intención de que se poidan interpor, se fose o caso, as alegacións pertinentes.

 

6ª COMUNICACIÓN DO DITAME

O xurado actuará en sesión única, sendo precisa a asistencia de dous terzos dos seus membros. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. A obra gañadora será escolleita entre dúas obras finalistas, sendo a gañadora a que obteña un mínimo de catro votos. A plica correspondente á obra finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado se se considera oportuno para que, se o autor/a o permite, se dea a coñecer de maneira pública. O veredito do xurado será inapelable. O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da AlcaldíaPresidencia do Concello de Ribadavia, que é o órgano competente para resolver o premio. A decisión do xurado darase a coñecer publicamente en xullo de 2022, no contexto da XXXVIII edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

 

7ª RETIRADA DE ORIXINAIS NON PREMIADOS Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias do Concello de Ribadavia no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados nun prazo de dous anos serán destruídos, así como as súas correspondentes plicas.

 

8ª ACEPTACIÓN DAS BASES A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.

 

 

E PARA QUE CONSTE AOS EFECTOS OPORTUNOS EXPIDO A PRESENTE EN RIBADAVIA NA DATA DA SINATURA DIXITAL.

Compartir

Check Also

PROGRAMA DA SEMANA SANTA EN RIBADAVIA 2024

Comezan o próximo día 25 de marzo co obradoiro de reciclaxe “Crecicla”, destinado a nenos de 6 …