AXUDAS PARA CREACIÓN DE EMPRESAS PARA ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS EN ZONAS RURAIS (GALICIA RURAL EMPRENDE)

Subvencións do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) para a creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende) para o ano 2022 (código de procedemento IG501A).

Persoas beneficiarias:

Poderán ser persoas beneficiarias desta axuda:

a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación. A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

b) As persoas traballadoras autónomas e as microempresas e pequenas empresas de nova creación (dentro dos 12 meses anteriores á solicitude da axuda). Non se considera que existe nova creación nos supostos de cambio de natureza xurídica (de persoa traballadora autónoma a sociedade mercantil unipersoal, por ex.) e se as persoas socias que representen a maioría do capital social viñesen desenvolvendo a mesma actividade por conta propia desde antes dos 12 meses anteriores á data da solicitude de axuda.

Proxectos subvencionables:

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Obradoiros e fábricas destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

c) Prestación de servizos a empresas en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos…).

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…).

e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), innovación tecnolóxica e comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria.

i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

j) No sector da hostalaría, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) que fagan uso do produto de proximidade.

Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.

b) Os gastos e/ou investimentos incluídos no plan de negocio que deberá presentar o solicitante terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

c) Será obrigatoria a creación dun mínimo de 1 emprego, ben sexa por conta propia ou indefinido por conta allea.

O plan de negocio que amose a viabilidade da iniciativa axustarase aos contidos definidos no formulario electrónico de solicitude de axuda, e deberán referirse exclusivamente a unha única actividade, á marxe doutras que poida desenvolver o solicitante.

Contía da axuda:

A contía consistirá nunha prima cuxa contía básica se establece en 20.000 euros, e que poderá incrementarse ata un máximo de 45.000 €

Forma e prazo de presentación das solicitudes:

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 8 de marzo de 2022.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Pode consultar as bases íntegras da convocatoria na seguinte ligazón premendo aquí.

Compartir

Check Also

BASES PREMIO ABRENTE PARA TEXTOS TEATRAIS.

Francisco Fernández Castro, secretario do concello de Ribadavia, CERTIFICO:   Que o Pleno do concello …